A nosa HISTORIA
A orixe da cervexa da terra.Deixa que che fale de Toupa…
Naquel vello complexo agrario galego, que ía esmorecendo nos últimos decenios do pasado século, aínda era posible atoparse con personaxes singulares, e TOUPA era un deles.
TOUPA era o meu parente por liña materna, ao que eu acompañaba de cativo polas agras de Lagazós, o seu dominio polas Terras de Lalín, ora gadañando ferralla, ora no Porral ou no Nabal cultivando hortalizas.
TOUPA respectaba os ritmos da terra, entendía as mensaxes que a mesma lle transmitía. Sempre rodeado de animais que eran, coma il, seres da Natureza.
Todos eses valores, que hoxe coñecemos como Agroecoloxía, xa adornaban a TOUPA.
¿Por qué toupiña?
«Millo en Rodeiro e fabas en Lagazós, ¡Vaia por Dios!». Non queda outra que elaborar cervexa.
Tamén ten sido TOUPA quen me ten ofrecido o meu primeiro contacto sensorial e gustativo coa cervexa. Naqueles calorosos días de verán angazando na herba e subindo as gabelas o remolque, os descansos ao pé das cerdeiras, eran refrescados por uns, para min, primeiros grolos de cervexa Skol, logo chegando a eira e facendo os palleiros.
Xa neste século, participando nun plan integral da Deputación de Lugo, e organizando obradoiros de elaboración de cervexa, vai callando a idea de elaborar unha cervexa ecolóxica.
Ese compromiso que TOUPA poñía no coidado da terra quixemos incorporalo a ese mesmo compromiso que nós poñemos na elaboración da cervexa.
TOUPIÑA, como cariñosamente me refería a TOUPA, tiña que ser o nome da nosa cervexa, e no mesmo preténdese condensar todo ese amor e a nosa paixón en ofrecer o mellor sabor. Tense traballado arreo, téñense realizado moitas catas a cegas até comprobar que se elaborou un bon produto. É despois deste proceso cando se decide lanzalo ao público. Gostamos de que os consumidores e os coñecedores da cervexa disfruten de TOUPIÑA.
TOUPIÑA son cervexas ecolóxicas elaboradas coas mellores maltes e lúpulos ecolóxicos.
A serie cervexeira comeza, neste caso facendo un chiscaollo paterno (tataravoa), cunha numeración seriada, tal como dela aprendín a contar, por iso o nome da primeira é «Une«.
Toupeamos?
O mundo toupiña
Último post do noso Blog
Ingredientes da cervexa
Auga É un ingrediente fundamental, xa que supón ó redor dun 90% da composición da cervexa....
Aviso legal, condicións de uso e política de privacidade