Lúpulo
Unha flor para aportar o amargor característico das nosas cervexas.
O lúpulo é unha planta subideira pertencente ó xénero Humulus, da familia das Cannabáceas. Hoxe é un ingrediente imprescindible da cervexa, pero non sempre foi así. O seu uso data de principios da Idade Media (séc. XII), cando os monxes –concretamente unha abadesa, Santa Hildegarda de Bingen-, principais elaboradores naquel entón desta bebida, observaron as súas interesantes aportacións ó sabor (aromas e amargor) e á conservación da cervexa. O lúpulo xa se aproveitaba en Mesopotamia e, durante a súa existencia, ten sido empregado como lenitivo, conservante, medicinal (múltiples usos) e como compoñente de produtos de beleza.
Do lúpulo só se empregan os conos florais femininos. O amargor provén das resinas (lupulina) que conteñen estas flores, e os aromas, dos seus aceites esenciais.

Cada variedade de lúpulo (Cascade, Nugget, Perle, Columbus, etc.) proporciona diferentes aromas e niveis de amargor; algúns aportan máis elementos amargos que aromáticos, e viceversa, e hai un terceiro grupo que aporta ambas características, aínda que máis atenuadas. As características de cada variedade son coñecidas de forma moi precisa, co que un elaborador só ten que escoller a proporción axeitada de unha ou máis variedades de lúpulo para darlle á súa cervexa a personalidade que desexe.
Para o cultivo do lúpulo faise precisa unha estrutura de titorado que alcanza os 7 metros de altura.
O lúpulo, unha vez colleitado, debe secarse o máis rapidamente posible para, a continuación, ser envasado ó baleiro e conservado nun lugar escuro e fresco (consumido no ano).
En Cervexa Toupiña posuímos unha plantación propia de lúpulo ecolóxico con diferentes variedades, que empregamos na elaboración das nosas cervexas, sendo o lúpulo o noso único conservante natural.

O mundo toupiña
Último post do noso Blog
Ingredientes da cervexa
Auga É un ingrediente fundamental, xa que supón ó redor dun 90% da composición da cervexa....
Aviso legal, condicións de uso e política de privacidade